Novas

BASES DO SORTEO “VOLTA AO COLE"

07/09/2026
Gabinete de Comunicación

Do 8 ao 21 de setembro, a túa compra ten premio: participa no sorteo de dous vales de 50 € para mercar material escolar na Libraría El Pueblo.

1. OBXECTO

O CCU Zona Monumental de Pontevedra desenvolverá do 8 ao 21 de setembro de 2026, ambos inclusive, a campaña “VOLTA AO COLE”.

Esta acción ten como obxectivo fomentar as compras no comercio local, premiando a clientela coa posibilidade de obter un dos dous vales de 50 € para mercar material escolar na libraría El Pueblo, nunha única compra.

2. ÁMBITO DA PROMOCIÓN

A promoción levarase a cabo nos establecementos comerciais integrados no CCU Zona Monumental de Pontevedra que participen voluntariamente, sempre que estean abertos ao público e en funcionamento normal durante o período indicado.

3. PREMIO

Dous vales de 50 € cada un, para mercar material escolar na libraría El Pueblo, situada na rúa Conde de San Román, 1-7, 36002 Pontevedra. Cada persoa gañadora poderá utilizar o seu vale nunha única compra.

O importe do vale deberá utilizarse integramente nunha única compra. Se o importe da compra é inferior a 50 €, a diferenza restante non será devolta nin poderá ser trocada por diñeiro ou por outro produto. Se o importe da compra supera os 50 €, a persoa gañadora deberá aboar a diferenza correspondente.

O premio non poderá trocarse por diñeiro nin por outro produto.

O premio deberá ser utilizado nun prazo máximo de 30 días naturais desde a súa entrega, na libraría El Pueblo e exclusivamente para a adquisición de material escolar.

4. DEREITO A PARTICIPAR E ACCESO Á PROMOCIÓN

Poderá participar calquera persoa física maior de idade que realice unha compra nun establecemento asociado durante o período da campaña.

A participación realizarase mediante papeletas dispoñibles nos comercios adheridos, que deberán completarse cos datos solicitados.

Por cada compra realizada entregarase unha papeleta de participación.

As papeletas poderán depositarse en calquera das dúas urnas habilitadas para o sorteo: unha situada no interior da Praza de Abastos de Pontevedra, sita na rúa Sierra, 5, 36002 Pontevedra, e outra na libraría El Pueblo, situada na rúa Conde de San Román, 1-7, 36002 Pontevedra.

5. SORTEO

O sorteo celebrarase o 22 de setembro de 2026.

Extraeranse dúas papeletas gañadoras e dúas papeletas suplentes, que serán utilizadas por orde no caso de que algunha das persoas gañadoras non poida ser localizada ou non cumpra as condicións establecidas nestas bases.

Contactarase coa persoa gañadora mediante o número de teléfono indicado na papeleta.

Realizaranse tres intentos de chamada. Se a persoa gañadora non acepta o premio nas condicións e prazos establecidos ou non pode ser localizada, contactarase coa seguinte persoa suplente por orde, seguindo o mesmo proceso.

Este procedemento aplicarase a cada un dos dous premios.

Se non se logra localizar ás persoas gañadoras nin ás suplentes correspondentes, o premio quedará deserto.

6. ENTREGA DO PREMIO

O premio poderá recollerse persoalmente ou mediante representante que presente o DNI da persoa gañadora.

A entrega dos vales realizarase no lugar e na data que se comunicará ás persoas gañadoras.

A non recollida do premio dentro do prazo establecido implicará a renuncia ao mesmo.

7. CESIÓN DE DEREITOS DE IMAXE

As persoas gañadoras autorizan ao CCU Zona Monumental de Pontevedra a reproducir, utilizar e difundir o seu nome, apelidos e imaxe en calquera actividade publicitaria ou promocional relacionada con esta campaña, en calquera medio, sen que isto supoña dereito a remuneración ou beneficio, salvo a entrega do premio.

Esta cesión inclúe todos os dereitos de reprodución, transformación, distribución e comunicación pública sen limitación temporal nin territorial.

8. LIMITACIÓNS E MODIFICACIÓNS

O CCU Zona Monumental de Pontevedra resérvase o dereito a modificar, suspender ou ampliar a promoción por causas xustificadas, comunicándoo previamente.

9. TRATAMENTO DE DATOS

En cumprimento da normativa vixente en materia de protección de datos, o CCU Zona Monumental de Pontevedra informa que os datos recollidos serán tratados para xestionar a participación nesta promoción.

As persoas participantes poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación ou portabilidade mediante escrito a info@ccuzonamonumental.es ou na sede da Asociación.

10. ACEPTACIÓN DAS BASES

A participación nesta promoción implica a aceptación íntegra destas bases.