Con motivo do Día Mundial da Infancia, que cada 20 de novembro pon o foco na protección e no benestar dos máis pequenos, CCU Zona Monumental organiza unha actividade especial pensada para familias con nenos e nenas de 0 a 8 anos.
O próximo xoves 20 de novembro, Galerías da Oliva converterase nun espazo de música, xogo e creatividade cunha serie de obradoiros musicais conducidos por Bonnie Cooper. A proposta inclúe catro sesións de 30 minutos, entre as 17:30 e as 19:30 horas, con dinámicas participativas, xogos sonoros, cancións e unha introdución amable e divertida á música lírica.
Os bebés menores de 3 anos deberán asistir acompañados dun adulto.
A iniciativa está cofinanciada pola Xunta de Galicia dentro das accións de dinamización comercial.
Unha oportunidade para gozar dunha experiencia cultural diferente en pleno corazón da cidade e celebrar un día dedicado á infancia.